Friday 19 de April de 2024

Inés Rey reivindica o talento audiovisual da Coruña na apertura da IV Semana do Cinema Galego


A alcaldesa interviu no acto de apertura do ciclo de cinema, que comezou coa proxección de “Código Emperador” de Jorge Coira

Do 14 ao 19 de marzo proxectaranse filmes como “O corpo aberto” ou o documental “María Casares. A muller que viviu mil vidas”, gañador do Premio Mestre Mateo ao mellor documental

A alcaldesa, Inés Rey, interviu esta tarde na apertura da IV Semana do Cinema Galego xunto con Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña. Rey reivindicou o talento audiovisual da Coruña recordando a Alberto Vázquez, director de “Unicorn Wars” galardoada co premio ao mellor filme de animación nos Mestre Mateo e recoñecida tamén cun Goya. Tamén lembrou o galardón que recibiu “María Casares. A muller que viviu mil vidas”, de Xavier Villaverde, premio a mellor documental. “Unha peza na que colaboramos desde o Concello co obxectivo de contribuir a poñer en valor o papel de María Casares, a nosa gran actriz” explicou a alcaldesa.

O documental proxectarase mañá ás 20.00 h no Teatro Colón. Seguiranlle o xoves 16 de marzo “Onde máis doe” e “O home e o can”, ás 20.00 h e 22.00 h respectivamente; o venres 17 “A Foreign Song” e “No somos nada”, tamén ás 20.00 h e 22.00 h respectivamente; e “Live is Life. La gran aventura” e “O corpo aberto” o sábado 18 de marzo ás 19.30 h e 22.00 h respectivamente. O ciclo rematará o domingo 19 de marzo coa proxección de “Valentina”, gañadora dun Premio Goya a mellor película de animación, ás 11.30 h. Todas se proxectarán no Colón con entrada de balde ata completar capacidade. “A Coruña volve así a ser unha referencia no ámbito da industria cinematográfica, posicionando o cinema galego a nivel nacional e internacional” concluíu a alcaldesa.